O curso das novas oportunidades?

  1. Inicio
  2. Escoliña Miudiña
  3. O curso das novas oportunidades?
Parellas de nenas a pasear polo bosque

Poderá ser este o curso das novas oportunidades? Despois de moitos meses, comezamos as clases presenciais. Este é un inicio marcado pola incertidume, o medo, os nervios… Emocións moi diferentes ás habituais por estas datas, mais non por iso peores! Temos ante nós novos retos e novas realidades a aproveitar. Mais..como facer desta vivencia unha posibilidade de cambio?

Para nós é importante chegar a construír unha comunidade educativa resiliente e unida. Entendemos que só na unión da comunidade é que podemos chegar a cambiar a nosa realidade. Nas formacións de Patios Vivos falamos de moitas cousas, e entre elas, debatimos o que, ao noso parecer, é importante para conseguilo. Son basicamente dous aspectos fundamentais: a educación emocional e a comunicación entre as persoas adultas que a integran.

Educación emocional

Ao falarmos de educación emocional, é importante saber que non hai emocións boas nin malas. Poden ser percibidas como mais ou menos agradables de experimentar, pero independentemente de cal sexa a nosa interpretación, todas son necesarias para adaptármonos ás circunstancias que estamos a vivir. O que sí temos que ter en conta é que unha mesma emoción, de moita intensidade ou mantida durante moito tempo, pode ser perxudicial para a nosa saúde. Entón… como facer un bo uso das emocións? Primeiro sería saber porlle nome, e unha vez identificada, saber que me está a comunicar para adaptarme mellor á situación. Recoñecer que emocións estamos a sentir e empregalas no noso beneficio.

Poñemos un exemplo?

Neste momento que estamos a vivir, o medo aparece sen dúbida. É unha emoción intensísma, de pura supervivencia. Pero podemos deixar que domine a nosa vida? Non. As emocións poden ser guía, mais non tomar as rendas da nosa vida. Metaforicamente, é facer o camiño da vida indo da man da emoción mais sen que ela domine os nosos pasos. Senón as decisións serán tomadas dende ese estado de pavor…e iso non vai axudar. Sabemos que o medo está aí. Isto fainos ser máis cautas, valorar mellor os riscos, protexer a nosa saúde física, emocional e social. Buscar solucións.

A creatividade non aparece cando vivimos con medo!

Neste contexto de comezo de curso en plena pandemia mundial, é de vital importancia velar pola saúde da nosa cativada. Como persoas adultas que somos, isto implica tamén ser moi conscientes e evitar contaxiar os nosos medos e inseguridades ás nosas fillas e fillos, alumnas e alumnos. Protexer a súa saúde tamén é facerlles ver novas posibilidades de relacións, non poñer o foco da atención nos aspectos negativos, senón nos positivos. Darlles seguridade no mundo, e que na súa adultez, sexan quen de ver neste contexto actual, un momento clave da súa aprendizaxe, do seu saber afrontar problemas, do seu ser persoas resilientes e optimistas. Esta situación é temporal!

A comunicación

Unha boa comunicación é outra das claves para a unión entre familia e docentes, non vos parece? Mais algo que é obvio, contemplamos no noso día a día que non necesariamente é o máis habitual. No noso traballo nos colexios vemos claramente as diferencias entre unhas comunidades unidas e aquelas que teñen que traballar un chisco máis esa parte relacional.

Non existen variñas máxicas. Mais o respecto, a asertividade, o entender que todas queremos o mellor para o alumnado. Que somos persoas adultas con diferentes roles e problemas, axuda bastante. Unha vez que as bases do entendemento son sólidas, o traballo en común entre ANPA e docentes tórnase moi fructífero.

Animamos ás mestras e mestres a ser comprensivas cos medos e inseguridades das nais e pais. Animamos a nais e pais a ser comprensivas cos medos e inseguridades das mestras e mestres. Animamos a uns e outros, a deixar de lado as diferencias. Comezar a construír dende os puntos en común, e logo ir avanzando como comunidade unida, coas aportacións de todas as persoas que a forman. Incluída a cativada!!! Pero iso case o deixamos para outro día!

Entre todas poderemos facer que 2020-2021 sexa o curso das novas oportunidades? Dende Miudiño estamos convencidas. Este pode chegar a ser recordado como o máis especial na vida da nosa cativada. Un fermoso punto de inflexión na educación.

Parella de nenos abrazando unha árbore

Fotografías de Sonia Barja
https://www.instagram.com/sbaig_dephoto

Animádesvos a seguir apostando por unha mellora nas relacións da comunidade educativa?

Cando xa non somos quen de cambiar a situación, atopámonos ante o desafío de cambiarnos a nós mesmos.

VICTOR FRANKL

Comparte nas redes

Artigos relacionados

Todos a unha. Foto interxeneracional de puños chocando as cinco.

Quen define o patio?

O comezo da intervención nos patios é un punto de inflexión grande na comunidade educativa… mais, como facemos para pasar da teoría á práctica? Con calma!!!!

Cartel de familias a monte

Familias a monte

Información actualizada a 12/09/2022 Comezamos o curso e o corpo xa pide….ser familias a monte! Non vos parece que xa é hora de calzar botas, preparar a roupa axeitada, poñer…
Pai e fillo subidos abrazados a unha árbore

Adultas, infancia e natureza

Sabemos da necesidade de unir infancia e natureza para un desenvolvemento óptimo das nenas e nenos que criamos e educamos, mais cal é o noso rol como persoas adultas nesta…

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.