Áreas de xogo para a infancia

Patios que coidan, inclúen e convidan a xogar

Transformamos patios e áreas de xogo en espazos máis naturais, diversos e adaptados ás necesidades reais da infancia.

A través de Patios Vivos, acompañamos comunidades educativas, concellos e entidades desde a reflexión inicial e o codeseño ata o proxecto técnico, a naturalización, a fabricación e a instalación.

Cada espazo e cada comunidade parten dunha realidade diferente. Por iso, a primeira decisión é sempre escoitar.

Falamos? Descarga o catálogo

Un patio tamén educa

Os espazos exteriores inflúen na forma na que a infancia xoga, se relaciona e participa na vida do centro.

Cando o patio está dominado por un único tipo de actividade, carece de natureza ou ofrece poucas alternativas, parte do alumnado pode quedar excluído e aumentar os conflitos ou as desigualdades no uso do espazo.

Transformar o patio permite crear máis oportunidades para o movemento, a calma, o xogo simbólico, a exploración, o encontro e a convivencia.

Non se trata unicamente de instalar novos elementos. Trátase de repensar o espazo como un recurso educativo, coeducativo e comunitario.

PATIOS VIVOS

Patios Vivos: un proxecto construído coa comunidade

Somos unha cooperativa galega de traballo asociado e sen ánimo de lucro. Desde 2015 desenvolvemos espazos, experiencias, produtos e recursos que promoven o benestar emocional, a saúde comunitaria e a conexión coa natureza e o patrimonio galego.

Reunimos psicoloxía social, educación ambiental, enxeñaría, paisaxismo, artesanía, cultura e xogo para dar respostas útiles e adaptadas a comunidades educativas, organizacións, profesionais e familias.

Máis oportunidades

Que pode cambiar un patio?

Máis formas de xogar

Incorporar novas posibilidades permite que cada neno e nena atope espazos acordes cos seus intereses, ritmos e capacidades.

Inclusión e coeducación

Unha distribución máis equilibrada favorece a participación de todo o alumnado e reduce a apropiación do espazo por un único tipo de xogo.

Natureza e benestar

A vexetación, os materiais naturais e os espazos de calma contribúen a crear contornas máis acolledoras e agradables.

Participación e pertenza

Escoitar á infancia e implicar a comunidade educativa favorece o compromiso co proxecto e unha maior conexión co espazo resultante.

Convivencia

Un patio con máis opcións de uso facilita outras formas de relacionarse, compartir e resolver as necesidades cotiás.

Por onde comezamos?

Non é necesario ter o proxecto completamente definido.
Nunha primeira conversa coñeceremos o espazo, as necesidades da
comunidade, os recursos dispoñibles e o punto no que se atopa o centro.

A partir de aí poderemos orientarvos cara á opción máis adecuada.

Que pode incluír o proxecto?

Dependendo das necesidades, o acompañamento pode incluír:

  • Formación para a comunidade educativa.
  • Análise das necesidades do espazo.
  • Escoita e participación do alumnado.
  • Proceso de codeseño.
  • Proxecto técnico con planos e planificación.
  • Proposta de naturalización.
  • Selección ou deseño de equipamentos.
  • Fabricación de elementos a medida.
  • Instalación e montaxe.
  • Asesoramento para executar o proxecto por fases.

No dosier podes coñecer con máis detalle as diferentes modalidades e recursos dispoñibles.

Descarga o catálogo

proceso

Como traballamos

Coñecemos o
punto de partida

Falamos coa comunidade para entender que sucede no patio, que necesidades existen e que obxectivos se buscan.

Escoitamos e deseñamos

Podemos desenvolver formación, procesos participativos e actividades co alumnado para construír unha proposta conectada coa realidade do centro.

Convertémolo nun proxecto

Trasladamos as ideas a unha proposta técnica viable con planos, zonas, equipamentos, naturalización e planificación da execución.

Axudamos a facelo realidade

O proxecto pode executarse de forma completa ou por fases. Miudiño tamén pode fabricar, instalar e adaptar equipamentos ao espazo.

Un equipo para acompañar todo o proceso

Miudiño reúne nun mesmo proxecto coñecementos de psicoloxía, educación, enxeñaría forestal, paisaxismo, deseño técnico e carpintaría artesanal.

Esta combinación permítenos ofrecer unha visión integral:

  • Comprendemos as necesidades das persoas que utilizan o espazo.
  • Deseñamos propostas técnicas e paisaxísticas.
  • Fabricamos equipamentos propios e pezas a medida.
  • Traballamos atendendo ás normas de seguridade UNE 1176 e UNE 1177.
  • Temos en conta o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
  • Podemos acompañar desde a primeira reflexión ata a instalación final.

Cada patio pode comezar
por un lugar diferente

Quizais necesitades repensar todo o espazo, xa tedes unha idea e buscades un proxecto técnico ou só precisades asesoramento, naturalización ou un equipamento concreto.
Contádenos en que punto vos atopades e axudarémosvos a definir o seguinte paso.