Filosofía

A Cooperativa Miudiño

Somos César, Judit, Ambrosio e Diego. Catro persoas apaixonadas quen, con algunhas habilidades, bastantes inquedanzas e moitos soños, decidimos crear Miudiño: cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, sen xerarquías e en igualdade.

Infancia, natureza e patrimonio cultural son a nosa base á hora de idear, crear e ofrecer diversos produtos que promoven un estilo de vida sostible, respectuoso e saudable na sociedade.

Música, espazos de xogo, obradoiros, educación ambiental, patios vivos, xogos, xoguetes e contos son as nosas ferramentas para reivindicar o dereito das nenas e nenos a ser felices e desfrutar da natureza e o xogo libre.

Traballamos artesanalmente, potenciando a naturalidade das materias primas empregadas emostrando a súa esencia, a súa individualidade, con respecto aos ritmos e o ser de cada elemento.

De vagariño, imos tecendo rede con outros proxectos fermosos sabendo que só mediante a cooperación poderemos loitar por un mundo mellor.

Benvidas e benvidos ao mundo Miudiño!

Pois entre madeiras e serróns, bombos e acordeóns, contos, xogos e cancións, fai a súa andaina Miudiño S. Coop. Galega: outro xeito de xogar, bailar, cantar e soñar.
Miudiño, un novo mundo…ao natural

O Noso Equipo

César

Músico autodidacta, carpinteiro, home orquestra, mestre musical e argalleiro. Apaixonado do monte, do mundo do xogo e da música é quen de conectar con aquel neno que algún dia foi, a brincar polos carreiros do seu lugar.

Judit

Psicóloga optimista e loitadora, na procura de crear unha nova sociedade. Apaixonada da vida ao natural, da ciencia, o coñecemento e as letras, é quen de tecer redes sutís para lograr facer dos soños fermosas realidades.

Ambrosio

Carpinteiro renacido a mestre xogueteiro, creador de soños e ilusións no seu traballo coa madeira. Apaixonado do mundo natural é quen de ver a esencia de cada anaco de madeira e transformala en fermosos elementos de xogo.

Diego

Enxeñeiro forestal e director de ocio e tempo libre con alma de educador ambiental. Apaixonado do noso patrimonio é quen de seguir emocionándose e contaxiar o seu entusiasmo, curiosidade e respecto pola vida a quen o rodea.