Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.
Fabricación de Xoguetes
Conxugamos artesanía con seguridade e sustentabilidade, apostando polo mundo natural, tanto nos materiais empregados coma nos acabados. Os xoguetes feitos en materiais nobres ofrecen peso, olores, temperatura e textura que estimulan a discriminación sensorial, o coñecemento do medio e a transmisión de valores.
Dirixido tanto a particulares que queiran gozar de xoguetes de calidade, coma a colectivos que queiran crear o seu propio espazo xogueteiro (asesoramos na construción do mesmo).
Coñece o noso I Catálogo
O I Catálogo de Brinquedos Tradicionais está composto de 36 xoguetes en madeira e sete bonecas e bonecos de trapo.
Para elaboralo botamos man da nosa memoria, a dos nosos veciños e da “Gran enciclopedia dos Brinquedos Tradicionais” de Antón Cortizas; elementos que nos permitiron traer pezas do pasado para as nenas e nenos do presente e do futuro, ofrecer anacos de historia viva para os momentos de divertimento e aprendizaxe no xogo, onde o neno e a nena son os auténticos protagonistas.

Amigos do Sostible
A madeira que empregamos é de procedencia local, principalmente de piñeiro (xunto con restos de poda e outros elementos orgánicos collidos directamente da natureza), tratada con produtos ecolóxicos certificados e acabado natural.
Os nosos xoguetes son sólidos, resistentes, naturais e únicos. Deixamos á vista a personalidade de cada un, sabendo que cada creación é única en si mesma, por marcas, por vetas, por pequenas imperfeccións.