Parentes das mulleres e homes peixe do mar. Os xacios e as xacias viven nos pozos máis fondos do Miño.
As sereas teñen corpo de muller fermosa, con longos cabelos, e da cintura para abaixo son coma os peixes. Levan un espello e un peite, peitean os longos cabelos, cantan con doce voz sobre unha rocha. Viven en pazos de cristal cheos de riquezas baixo o mar, e das xacias dise que nos piagos posúen enormes tesouros, pero nós non sabemos de ninguén que as vise e volvese para contalo. Os xacios son parentes moi próximos dos nixen e das nixies xermánicos e teñen os seus mesmos costumes. Engadimos nós que tamén son curmáns dos strömkarl suecos, dos fossegrim noruegueses, dos seemännlein, häkelmänner, hickelmänner, soëtrolde alemáns e das fenetten e dracae francesas.
Sereas tamén as hai en Portugal, en Italia, en Grecia, nos Açores (Fatas Mariñas), en Cantabria, en Euscadi (Lamiñas marinas), en Catalunya, na Bretaña (e moitas: Morgans, Groac´h Vor), en Inglaterra (Mermaids, Mer-Women), en Irlanda (Merrows, Mara-Warra), en Escocia (Ceasg, Daoine Mara, Maigh dean Mara), en Man (Ben-Varrey), en Alemaña (Watermöme), en Escandinavia (Hawfrue, Meerveiber)*.
Se quedas sen facer ruído algún á beira do río ou mar podes escoitar moitas cousas, quen sabe se o cantar dunha xacia…
*Texto extraído de: Cuba, Xoán R./ Reigosa, Antonio/ Miranda. Xosé (1999): Dicionario dos seres míticos galegos (ps.226,254,255) (Vigo:Xerais).