Nós, coma tanta outra xente, temos un plantexamento de patio de escola no que apostamos pola naturalización do lugar e o plantexamento de diversos espazos que faciliten o xogo libre. Por convencemento persoal. Por querer que os espazos da infancia sexan espazos saudables. Por confiar na educación como ferramenta de construcción social…. E axudamos aos colectivos que o desexen a conseguilo… mais quen nos chama? Quen define o proxecto de patio?
Sabemos que os comezos, para calquera proxecto que iniciamos na vida en xeral, e nos patios das escolas en particular, son, dende un punto de vista emocional, complexos. Mestúranse unha gran motivación de logro coa alegría, a ilusión, as gañas de ver xa o resultado final…e o non saber por onde comezar, que camiño seguir, por onde queremos tirar, como compatibilizalo con todo o traballo que xa temos previo.
E de súpeto, aparecen ante nós diferentes posibilidades de intervención. Podemos percorrer o camiño en solitario, en grupo pequeno, en comunidade…. e non sabemos cal será a escolla máis axeitada, porque cada unha delas ten os seus pros e contras. Cada unha delas vai determinar os obxectivos que nos propoñamos, os problemas que nos xurdan e as alegrías que recibamos. E non é unha decisión nin doada nin intranscendente.
A nosa visión
Ao longo destes anos, logo de case un centenar de visitas a coles, queremos compartir con vós, os diferentes perfís de promotores do cambio que nos atopamos. Imos resumir un tema moi grande e esaxerar un chisco. Pero considerade que o sentido do humor é básico na vida, e a retranca galega xoga un papel importante na redacción.
Queredes seguir lendo? Pois aí vamos!
Estas son os diferentes perfís de promotores da intervención nos espazos exteriores dos centros educativos:
O espírito solitario
Quen define o patio? É unha persoa, ben do equipo directivo, ben da ANPA, que loita contra vento e marea para conseguir que a comunidade lle faga caso. Adoita ser unha persoa formada en novas pedagoxías, creativa e moi activa na súa vida.
Todo vai ben ata que , logo de investir unha gran cantidade de tempo, enerxía e esforzo en conseguir apoios, acaba ben esgotada e abandonando, ben cun pequeno grupo de seguidores, que igualmente, acaban esgotados e abandonando. Lidan con frases tipo: E ven fulanita a querer cambialo todo, creése moi lista. Toda a vida estivemos así, e non nos foi tan mal.
O claustro-non quero saber nada das familias
Quen define o patio? É o equipo docente quen inviste o tempo e a enerxía na modificación do espazo exterior. Adoita ser un grupo unido, coas ideas claras. Con ou sen formación específica, pero cunha gran bagaxe de coñecemento pedagóxico, claro.
Todo vai ben ata que comezan as primeiras queixas dos pais e nais por chegaren seus fillos e fillas algo sucios, con algunha raspadura nos xeonllos, cos cabelos algo húmidos…Lidan con frases tipo: Que me piden botas? E para que? Chuvasqueiro? Pantalóns de auga? Pero que se cren, o meu cuchicuchi non vai enfermar de COVID, senón de neumonía!
A ANPA-non quero saber nada do profesorado
Quen define o patio? Son as familias quen invisten o tempo e a enerxía na modificación do espazo exterior. Adoita ser un grupo pequeno, con escaso apoio por parte das persoas socias, certa sensación de cansanzo e incomprensión pero cunha gran motivación por contribuír á educación da súa cativada.
Todo vai ben ata que o profesorado ten que facer uso das instalacións. Aparecen frases tipo: De verdade pretenden que empregue iso? Uy non! Eu aí non vou cos nenos e nenas, que me poñen unha denuncia os pais! Veñen berrarme as nais! Non non…Co ben que estou na clase ventilada, coas ventás abertas, a cazadora e as 20 capas de roupa enriba…Poden sufriren tamén certas críticas por parte das socias, tipo: Que a miña cuchicuchi vai estar ….(outra vez o conto da neumonía e o COVID) , si ho, se queren auga que vaian ao río…
As familias e docentes-non queremos saber nada dos nenos e nenas
Quen define o patio? O súper equipo formado por mestres e familias quen invisten todo o tempo e enerxía na modificación do espazo exterior. O deseño do seu patio atende a razóns estéticas e pedagóxicas. Aquí temos dous subgrupos… o atletismo dos 100m e dos 400m lisos.
Os dos 100m queren unha intervención rápida, de alto consumo enerxético en tempo récord. Xa e agora. Formación? Non nos fai falta, sabemos o que queremos e o que é bo para o alumnado. Google e as redes sociais aportánnos todo o coñecemento necesario.
Os de 400 metros lisos, queren o mesmo pero nun intervalo de tempo maior, sendo posible que incluso adiquen tempo a algunha formación conxunta. Participación? Non nos fai falta, sabemos o que queremos e o que é bo para o alumnado.
Todo vai ben ata que o alumnado percibe que non ten dereito, nin voz, nin voto. Que non pode opinar sobre nada do relacionado coa súa vida. A súa opinión non conta. Eles non contan. Lidan con frases tipo: A que guay! Uns xogos pintados no chan! Ala, imos xogar á pita!! Mmmm, que xenial esa parede de escalada que só poden empregar os de 6º! En serio non podo facer aquí un túnel?
As comunidades-todas as persoas contamos
Quen define o patio? As comunidades educativas que entenden que todas e cada unha das persoas que a integran son importantes. Docentes, familias e alumnado cando menos. Persoal non docente xunto con administracións cando máis. Poñen en valor ás persoas e aos seus procesos. Entenden o cambio do espazo do patio coma un proceso de diálogo e aprendizaxe. Adoitan formarse en común, para ter todas unha base similar sobre a que construír o seu coñecemento.
Todo vai ben porque adoitan aprender a comunicarse de xeito asertivo, a buscar solucións aos conflitos. Porque aparecen a creatividade na resolución de problemas e as tormentas de ideas. O sentimento de pertenza a un grupo.O comprender que todas as opinións son válidas. A axuda mutua. A colaboración. O crecemento en comunidade.
Identificádesvos nalgún perfil?
Sería xenial que estiverades en calquera destas opcións. Porque o que todas e cada unha delas teñen en común é o seu desexo por mellorar a vida, a educación e as posibilidades do seu alumnado. E ese é un punto de partida fantástico para cambiar a nosa realidade.
Pasa que ás veces, na sociedade da inmediatez, vemos a inversión de tempo como unha inversión demasiado valiosa, e queremos ter resultados rápidos, que nos permitan estar na cresta da ola, rematar rápido, publicar as nosas fotos. Mais podemos mudar esa visión e valorar a inversión de tempo coma unha inversión de futuro.
Adicar tempo ao proceso ben merece a pena. Estaremos así a sentar a base da educación que queremos, da sociedade que creamos. Unha sociedade con visión ecolóxica, de axuda mutua, de cooperación como forma de relación.
Para nós, cada formación, cada proxecto de patio, é un pasiño cara a esperanza dun mundo mellor, para nós e para quen ven atrás. E chegamos a este punto despois de transitar todos os anteriores. Por iso tamén sabemos que é importante cada paso a dar.
Cada vez é maior o coñecemento xenerado. Grazas ao traballo de moitas persoas, como son Carme Cols e Pitu Fernández de El nous safareig, a todo o coñecemento compartido da Asociación Patios Habitables, o entusiasmo da asociación Ludantia, a perseveranza de Heike Freire, a paixón da Federación EDNA …e a paciencia de tantas e tantas persoas que están a traballar no día a día por un cambio no sistema educativo.
Moito ánimo. Moita forza. Habemos de conseguilo.