Infancia e natureza teñen unha nova bitácora!

Foto de dúas nenas a xogar na natureza

Presentámosvos a nosa nova andaina!!! O blog!

A bitácora de Miudiño nace coa idea de ser semente dun cambio de mirada do mundo adulto cara unha maior conexión da infancia coa natureza e o xogo libre. Queremos aportar o noso graíño de area á demanda, tan necesaria, de naturalizar a educación das pequenas e pequenos.

Despois de anos percorrendo Galicia coa música, obradoiros, espazos de xogo, contos, as formacións e intervencións de patios vivos e a educación ambiental, pensamos que xa precisabamos dunha nova canle na que compartir ideas, recursos e información fermosa que fomos adquirindo nos últimos anos. Esperamos poder xerar debates, compartir as inquedanzas máis habituais entre as persoas que desexan comezar a vivir máis no exterior e dar alternativas para conseguilo.

Como sabedes quen levades anos a nos seguir e colaborar, baseamos o noso traballo nos coñecementos da psicoloxía e da educación ambiental. Son os nosos espazos teóricos de formación. Eles nos van mostrando o camiño do porque, do para que e do como. Destas áreas de coñecemento esperamos compartir, co paso do tempo, os conceptos que maior relevancia están a ter na nosa camiñada.

Pero para quen non nos coñeza…que é Miudiño?

Sempre dicimos que somos unha cooperativa que nace do mundo da ilusión e dos soños… isto é porque naceu grazas á maxia na vida do noso primeiro fillo. Ese primeiro pequeno que veu poñer toda a nosa vida patas arriba e facernos reflexionar que todo o pensado ata ese momento sobre a infancia…podía ter alternativas máis saudables!

Entón procuramos acompañantes para esta nova aventura. A nós, César e Judit, uniuse Ambrosio, gran mestre carpinteiro… e iniciamos un equipo xenial para dar comezo ás nosas primeiras andainas: a música e o xoguete tradicional.

Mais todo vai medrando e mudando. Así, as portas que Breixo abriu, Mencía chegou para pechalas e facer de Miudiño unha posibilidade real para toda a cativada. Constituímonos coma cooperativa sen ánimo de lucro no 2016, baseándoa nos nosos tres alicerces fundamentais: natureza, infancia e patrimonio cultural, que ao xeito de cóctel imos mesturando para dar vida a diferentes produtos e servizos.

Á música e xoguetes uníronselle os contos, os obradoiros, os espazos de xogo con material natural…O mundo da natureza na infancia tornouse cada vez máis importante…e por que non intervir nos espazos de xogo? Xurdiu entón o Proxecto de Patios Vivos Miudiño, e con el, chegou Diego e toda a súa aportación no campo da educación ambiental. O equipo perfecto…polo momento!

E agora seguimos, querendo compartir con todos vós un pouquiño do noso mundo, dos nosos soños e ilusións. Convencidos de que só a través do respecto, da cooperación e da ecoloxía poderemos chegar a vivir nunha sociedade fermosa.

Fotografía de infancia xogando a voar na natureza
Fotografías de Sonia Barja
https://www.instagram.com/sbaig_dephoto

Ficamos ilusionados, porque somos de moito falar sobre os temas que nos apaixonan!

Comezamos!

O futuro pertence a quen cre na beleza dos seus soños

ELEANOR ROOSELVELT

Comparte nas redes

Artigos relacionados

O proxecto de patio

Merece a pena invertir tempo e esforzo en redactar proxecto para o patio de escola? Cales son os beneficios deste traballo? Pincha nesta entrada para ver que catro beneficios ten o esforzo!

Todos a unha. Foto interxeneracional de puños chocando as cinco.

Quen define o patio?

O comezo da intervención nos patios é un punto de inflexión grande na comunidade educativa… mais, como facemos para pasar da teoría á práctica? Con calma!!!!

Cartel de familias a monte

Familias a monte

Información actualizada a 12/09/2022 Comezamos o curso e o corpo xa pide….ser familias a monte! Non vos parece que xa é hora de calzar botas, preparar a roupa axeitada, poñer…

Comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fill out this field
Fill out this field
Por favor, introduce un enderezo de correo electrónico válido.